O DIÁLOGO DE SÓCRATES CO MUNDO

"Só sei que non sei nada"

Son palabras de Sócrates, este filósofo nacido o 469 a. C. en Atenas e que sen ter nunca escrito nada, exerceu máis influencia sobre o pensamento europeo. El recoñecía que sabemos ben pouco sobre nós mesmos e iso lle provocaba para seguir na procura de máis coñecementos. El atreveuse a asegurar que a humanidade atópase ante unha serie de preguntas ás que non se acha fácil resposta.

Sócrates amaba o saber (era un auténtico amigo "philos" da sabedoría "sophía").O saber que se debe buscar mediante o razonamento e o diálogo persoal.

Desgraciadamente, no seu afán por preguntar por todo e poñer en cuestión as cousas, causaba irritación e levouno a unha morte tráxica. Acusándoo de destrutor das crenzas tradicionais e de ser unha ameaza para o poder establecido, foi condenado a beber cicuta no ano 399 a. C. Puido fuxir, pero escolleu aceptar a morte con dignidade. A inxustiza só dana a quen a comete.

 

Do "mito" e do "logos"

A filosofía é unha procura da humanidade ante unha serie de preguntas ás que non atopamos facilmente boas respostas, respostas que tradicionalmente os gregos buscaran na mitoloxía.

Aínda que a filosofía occidental inicialmente investiga sobre a orixe do cosmos, e logo os chamados "sofistas", teñen en común cos primeiros filósofos da natureza o adoptar unha postura crítica cos mitos tradicionais, todos eles son considerados filósofos presocráticos.

A partir do 450 a.C. Atenas convérterase no centro cultural do mundo grego. Alí a filosofía tamén tomaría un novo rumbo. Protágoras dixo: "o home é a medida de todas as cousas". Os filósofos gregos anteriores a Sócrates, como xa dixemos investigaran a natureza, pero será en Atenas onde se comeza a centrar no ser humano e no lugar deste na sociedade.

"En Atenas íase desenvolvendo unha democracia con asemblea popular e tribunais de xustiza. Unha condición previa da democracia era que o pobo recibise a ensinanza necesaria para poder participar no proceso de democratización. Tamén nos nosos días sabemos que unha nova democracia require que o pobo reciba unha boa ensinanza."

JOSTEIN GAARDER, O mundo de Sofía.

A forza do diálogo...

na procura da verdade.

"Só sei que non sei nada" dícía Sócrates coa ironía que o caracterizaba. Non escribiu nunca nada pois pensaba que a verdadeira ensinanza estaba no diálogo vivo. Daba a impresión de que aprendía das persoas coas que falaba. Non ensinaba, conversaba. Adoitaba pois a facer preguntas, dando a entender que non sabía nada.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Dise que a nai de Sócrates era comadroa, chamábase Fenarete, e Sócrates contaba que el semellábase as comadroas, "elas actúan sobre os corpos e eu sobre as almas". Mais non é a comadroa a que pare ao neno, axuda no parto. O verdadeiro coñecemento ten que saír do interior de cada un. Non pode impoñerse por outros.

"A capacidade de parir fillos é unha facultade natural. Da mesma maneira, todas as persoas poden chegar a entender as verdades filosóficas cando utilizan a razón… precisamente facéndose o ignorante, Sócrates obrigaba á xente coa que se atopaba a utilizar o seu sentido común."

Mais todo o que sabemos do filósofo grego máis decisivo do século V a.C. sabémolo grazas aos seus discípulos, sobre todo a través dos chamados "Diálogos" ou conversas filosóficas escritos por Platón e que teñen como personaxe central a Sócrates.

Cal era a sabedoría de Sócrates?. Coas súas preguntas cambiou o rumbo da filosofía dos seus coetáneos. El non estaba disposto a ensinar, pero si a aprender dos demais indo dun lado para o outro, segundo lle criticaban.

Pero para Sócrates vivir era preguntarse pola verdade e examinar a realidade: "Unha vida sen exame crítico non merece ser vivida por un home".

Sócrates, xa o dixemos, amaba o saber (era un auténtico amigo "filos" da sabedoría "sofia") que se debe buscar mediante o razonamento e o diálogo persoal. A máxima do santuario de Apolo "coñécete a ti mesmo" é recuperada polo mestre con fondura. O seu método na procura da verdade lévalle a definir as cousas mediante conceptos que van nacendo dialécticamente nos coloquios tan ben escenificados nos "Diálogos" de Platón. Polo seu desdén do poder e do diñeiro, pero tamén pola súa constante preocupación pola educación e mellora da sociedade a través da palabra, foi acusado e condenado a morrer no xuízo máis escandaloso da democracia ateniense.

A morte de Sócrates

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

"Atenas é como un cabalo apático, dicía el, e eu son un moscardón que intenta espertalo e mantelo vivo"

O orador romano e estudoso da filosofía Cicerón dixo del que foi quen baixou a filosofía do ceo á terra e deixouna morar nas cidades, introducíndoa nas casas, obrigando aos seres humanos a pensar na vida, nos costumes, no ben e no mal.

Un filósofo é unha persoa que non entende unha morea de cousas, polo que está amolado, e por iso Sócrates facía preguntas constantemente… e os que preguntan poden resultar ser perigosos. Isto lémbralle a Joster Gaarder, un escritor do século XX e entusiasta da filosofía, que Sócrates era como o neno valente do conto "O traxe novo do emperador", aquel que se atreveu a dicir en voz alta que emperador ía espido, cousa que ningún dos seus súbditos se atrevera a dicirllo.

A Sócrates falar custoulle a vida. Reproducimos a continuación o texto da fantástica novela do autor noruegués anteriormente citado:

"Por que tivo que morrer Sócrates?

Esta pregunta foi planteada polos seres humanos durante máis de 2400 anos. Pero el non foi a única persoa na historia que foi até o final, morrendo pola súa convicción. Xa mencionei a Xesús, e en realidade existen máis puntos comúns entre Xesús e Sócrates… Tanto Xesús como Sócrates eran considerados persoas enigmáticas polos seus contemporáneos. Ningún dos dous escribiu a súa mensaxe, o que significa que dependemos totalmente da imaxe que deles deixaron os seus discípulos. O que está por riba de calquera dúbida, é que os dous eran mestres na arte de conversar. Ademais, falaban cunha autosuficiencia que fascinaba e irritaba. E os dous pensaban que falaban no nome de algo maior que eles mesmos. Desafiaron aos poderosos da sociedade, criticando toda clase de inxustiza e abuso de poder. E finalmente: esta actividade custaríalles a vida…Os dous poderían ter suplicado clemencia e ter salvado así a vida. Pero pensaban que tiñan unha vocación que traicionarían se non foran até o final. Precisamente indo á morte coa cabeza erguida, xuntarían a milleiros de partidarios tamén despois da súa morte.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Aínda que fago esta comparación non digo que foran iguais. O que quixen dicir, ante todo, é que os dous tiñan unha mensaxe que non pode ser separada da súa coraxe."

JOSTER GAARDER. O mundo de Sofía, unha novela sobre a historia da filosofía.

PARA SABER MÁIS sobre a morte de Sócrates e as súas derradeiras palabras podes consultar, entre outras, as seguintes páxinas:

http://usuarios.lycos.es/Cantemar/MuerteSocrates.html

http://www.academiasocrates.com/socrates/fedon.php

http://www.educ.fc.ul.pt/docentes/opombo/hfe/momentos/escola/socrates/mortedesocrates.htm (en portugués)

 

Sócrates bebendo a cicuta, versión do pintor romántico David.

CUESTIONARIO E ACTIVIDADES

 

A continuación detallamos algunhas preguntas e actividades para realizar sobre este apartado do DIÁLOGO DE SÓCRATES CO MUNDO:

1- Que significa etimoloxicamente a palabra diálogo?

2- Redacta un texto argumentativo de non menos de 25 liñas con este título: Por que é tan importante o diálogo para Sócrates?

3-Que significa HOMO ANIMAL BIPES SINE PENNIS? Quen dixo esta frase? Cal é a mellor definición que atopou este filósofo discípulo de Sócrates para o ser humano? Que relación ten esa definición con Sócrates?

4- Que relación ten Sócrates coas comadroas? Por que Sócrates é a comadroa do parto do pensamento occidental?

5- Que cres que quería dicir Sócrates cando dicía "Só sei que non sei nada"?

6- Que diferenza fundamental existe entre os filósofos presocráticos e Sócrates e os seus discípulos?

7-Que é un diálogo platónico?

8- Coñeces de que trata algún diálogo platónico, por exemplo sobre Eros? Resume o seu contido.

9- Onde está o santuario de Apolo onde aparece a famosa máxima grega: "coñécete a ti mesmo"?

10- Por que razón e como morreu Sócrates? Redacta un texto sobre o tema non menor de 25 liñas.

11- Cales foron as derradeiras palabras de Sócrates antes de morrer? Que teñen en común ditas palabras coa súa forma de vivir?

Volver a Cultura Clásica